PACTO LOCAL POLO EMPREGO
O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a aplicación interactiva que permitirá descargar o Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela a través do teléfono móbil. Este sistema estará operativo do 15 de xullo ao 30 de setembro, coincidindo coas vacacións de verán, nas que só se publicará un boletín semanal, o dos martes (durante o resto do ano publícase todos os martes e xoves). A iniciativa ten como obxectivo facilitar a procura de emprego ás persoas interesadas, en calquera momento e en calquera lugar, durante as durante as 24 horas do día, a través dunha ferramenta de comunicación que cada vez se usa máis: o teléfono móbil. Permitirá, a través da plataforma MobiGuías, a xeración automática da versión java (j2me) instalada en máis do 95% de teminais; e unha versión web para Iphone e Android. A estrutura deste aplicativo basearase na version en papel do boletín, pero coa posibilidade de que ás persoas usuarias poidan chamar directamente aos números de teléfono incluidos no boletín, con solo calcar enriba deles.
O sistema, a través do que se pode acceder directamente a cerca de 200 ofertas de emprego (todas as públicadas no boletín envíado), está pensado para que poida ser utilizado por unhas cinco mil persoas á vez. MobiGuía conta con tres sistemas de distribución (popup web, número longo e BIDI) que permitirán descargala en máis de mil modelos de terminais (móbiles, pda, blackberry, iphone, etc.). A partires de que se descarga o aplicativo, os datos de contacto quedan rexistrados para o envío, automático, dos boletíns de ofertas de emprego que se publicarán ata o 30 de setembro. O funcionamento é o seguinte:
·Popup web. Insertarase un link en www.maiscompostela, no banner desde o que se descarga o boletín de ofertas de emprego. Cando se calque sobre él, abrirase unha popup na que a persoa usuaria introduce o seu número de móbil. Inmediatamente recibe no móbil o SMS co link de descarga do aplicativo.
·Número longo. O servizo inclúe unnúmero longo, ao que as persoas interesadas poden envíar un SMS cun custo de 0,15 céntimos de euro. Reenvíaselle unha resposta co SMS de enlace ao aplicativo.
·Código BIDI o QR: a plataforma MobiGuías xenera, de xeito automático para cada boletín, unha imaxe similar a un código de barras, que será insertada na versión papel, e que, ao ser escaneada coa cámara do móbil, permite a súa descarga automática.
Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela
O primeiro número do Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela, editado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, saiu á rúa o 15 de outubro de 2009. Desde entón lévanse publicadas máis de 11.000 ofertas de emprego nos 69 números editados (en cada exemplar hai unha media de 170 ofertas de emprego). Cunha tirada de mil exemplares, distribúese de balde en lugares de alta afluencia de persoas: centros de saúde, oficinas de emprego, servizos administrativos, universidade, centros socioculturais, oficinas municipais de información á cidadanía, bibliotecas, etc. Impreso a unha soia tinta, cambiando a cor en cada tirada, sae á rúa todos os martes e xoves da semana, exceptuando os meses de verán, nos que se edita só un exemplar semanal, o dos martes.
Coa publicación deste boletín, enmarcado no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, a Concellaría de Promoción Económica e Emprego cubre unha demanda que existe neste momento: mellorar as expectativas de empregabilidade das persoas que buscan traballo, orientándoas no coñecemento da realidade laboral.
O obxectivo desta publicación é achegar as persoas demandantes de emprego ao mundo laboral, facilitándolles o contacto coas empresas e institucións que ofrecen traballo e distintas accións formativas. Para acadar esta finalidade, realízase unha selección de ofertas de emprego de distintos organismos e entidades de carácter público de Galicia e do resto do Estado, que se difunden a través da prensa escrita, portais de emprego e publicacións oficiais. Estas ofertas están estruturadas por ámbitos xeográfico para facilitar a búsqueda: comarca de Compostela e poboacións próximas, Galicia, Estado, e ofertas internacionais. Esta publicación é unha ferramenta máis do Servizo Local de Emprego.
Este servizo, ademais de atender todo tipo de peticións de información relacionadas co mundo laboral (consultas sobre contratación, ofertas de emprego, prestacións, formación, sectores profesionais emerxentes, etc.) orienta, dun xeito personalizado e adaptado as distintas situacións, ás persoas que procuran emprego ou buscan mellorar as súas perspectivas laborais.
A primeira fase é unha entrevista, realizada por un equipo de técnicos/as expertos en orientación-inserción profesional. A partires desta entrevista, nunha segunda fase, elabórase a diagnose do proxecto profesional: o Plan Persoal de Inserción. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar. Tendo en conta os resultados, proporciónaselle á persoa demandante un listado das empresas do sector profesional no que está interesada e infórmaselle sobre como deben facer a súa autocandidatura (curriculum). Tamén se lle facilita unha lista de ofertas de emprego, que se actualiza diariamente, e que están recollidas no Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela.
Todas as demandas de emprego das persoas interesadas introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade das persoas usuarias. Neste momento, no Servizo Local de Emprego que ofrece a Concellaría de Promoción Economica e Emprego do Concello de Santiago hai inscritas cerca de 1.500 empresas e 3.310 persoas, entre persoas desempregadas e persoas que buscan mellorar as súas expectativas laborais.