Compostela Traballa


Novas

« volver ao listado

O 45 % dos participantes na segunda quenda do Proxecto Persoa IV xa accederon ao mercado laboral

15/07/2010
  • Neste programa de inserción laboral, desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, participan 120 persoas divididas en dúas quendas de 60, que se forman en especialidades vinculadas cos servizos ás persoas.
  • O alumnado de Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio, remata hoxe a fase de prácticas e comeza a de inserción laboral.

27 persoas, o 45 % do alumnado da segunda quenda do proxecto Persoa IV, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, dirixida polo nacionalista Xosé Manuel Iglesias, xa accedeu ao mercado de traballo. Neste programa experimental de emprego participan 120 persoas, divididas en dúas quendas de 60, que se forman en especialidades vinculadas cos servizos ás persoas, nas que se detecta unha alta demanda laboral. A primeira quenda rematou en xaneiro pasado cunha porcentaxe de inserción do 47%. A segunda quenda comeza, ao longo do mes de xullo, a última fase do programa, a de inserción. O pasado día dous finalizaron as prácticas as/os participantes no curso Atención temperá. Hoxe remátaas o alumnado do curso Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio, e a final de mes farao o de Auxiliar de axuda a domicilio e Especialista en asistencia persoal.

Este proxecto experimental de emprego ten como obxectivo promover a integración laboral de persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos de difícil inserción. Todos/as os/as usuarios/as do Proxecto Persoa participan nun proceso integral de inserción denominado Itinerario de inserción sociolaboral. Este proceso estrutúrase en varias fases, algunhas delas superpostas: acollida inicial, na que despois dunha entrevista en profundidade se define a situacion da persoa participante (formación, situación laboral, expectativas, etc.) e se deseña o plan de inserción; orientación en base ás capacidades e potencialidades da persoa usuaria; titorías, nas que se reforzan os obxectivos e potencialidades para incrementar a autonomía da persoa demandante, sobre todo na procura de emprego; formación (que inclúe un período de prácticas en empresas) e acompañamento á inserción.

Tanto na primeira quenda, na que se impartiron as especialidades de Especialista no coidado e atención a persoas maiores e descapacitadas, Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores, Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflictos, e Reparación, mantemente e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes, como na segunda, focalízase a atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos/as. Ademais de traballar a inserción laboral, o Persoa IV incide así na cobertura de servizos sociais fundamentais. Promocionando este tipo de políticas, cúbrese unha demanda social, e avánzase, ao mesmo tempo, cara unha sociedade do benestar. Integrado no Pacto polo emprego de Santiago de Compostela, o Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.