Compostela traballa recolle os programas e actuacións que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica e Emprego no marco do Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, en colaboración con asociacións, centrais sindicais e entidades vinculadas ao mercado laboral.
Destinados a persoas desempregadas, persoas emprendedoras, e persoas que buscan mellorar as súas expectativas laborais teñen como obxectivo:
- Facilitar o acceso ao mercado laboral de persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos de difícil inserción: mulleres, persoas desempregadas de longa duración, etc. O espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións dirixidas a facilitar a inserción das persoas demandantes de emprego e a intermediación laboral laboral coas empresas é o Servizo Local de Emprego.
- Apoiar a creación e consolidación de empresas, con orientación, asesoramento, formación e axudas para a promoción do emprendemento. O Servizo de Apoio á Empresa pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e crecemento dos seus negocios.
- Mellorar a cualificación profesional, a reciclaxe ou a especialización das persoas desempregadas e/ou ocupadas, mediante formación gratuíta, co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral ou promoción profesional, e de mellorar os recursos humanos dos que dispoñen as empresas, e polo tanto, a competitividade das mesmas.
Todas as actuacións en materia de emprego están adaptadas ás necesidades do mercado de traballo e ás demandas das empresas de Compostela. Os indicadores que reflicten a realidade laboral e a evolución económica e social do municipio pódense consultar no
Observatorio Estatístico. Serven de base, xunto ás necesidades do tecido produtivo, para deseñar políticas efectivas de emprego e programas de inserción laboral que respondan ás necesidades da poboación e axuden a acadar un mercado laboral dinámico, de calidade e equitativo.